19 oct 2014

Charla sobre Tecnoloxías Apropiadas no Porto

Roberto, Isa e Teresa
Máis internacionais que nunca. Roberto dixo non lembraba a última vez que fixo unha viaxe tan longa. E é que en ESF, algún xa temos a sorte de poder dicir que damos conferencias noutros países, ainda que esas conferencias duren 15 minutos (repartidos entre tres poñentes) e que ese outro país sexa Portugal, no cal moitos de nós (entre os que me inclúo) non teñen sensación ningunha de estar non estranxeiro. E mais cunha acollida tan calida como a que nos brindou a nosa colega de Porto, Teresa (a podedes ver na foto, a dereita). Sen dúbida, temos moito que agradecerlle pola súa amabilidade e hospitalidade.


Pero non vaiamos tan rápido. Comece-
mos as cousas polo principio. Este fin de semana, o sábado 18 de outubro, a ONG Engenharia para o Desenvolvimento e Assistência Humanitaria (EpDAH), os nosos colegas en Portugal, convidáronnos a compartir a nosa experiencia nun encontro acerca de coñecemento local e capacitación para o desenvolvemento (na foto, podedes ver o título en portugués) na Fundaçao Serralves, na cidade do Porto.

Fomos tres persoas: Roberto Roget (Santiago), Isabel Somoza e un servidor, Miguel Pino (os dous de Vigo). Alí tivemos a oportunidade de ver pequenas charlas sobre o Proxecto Ríos en Portugal (En Galicia existe un proxecto co mesmo nome, no que de feito participa ESF Galicia!), consistente en tratar de fomentar que a xente se reapropie e revalorice a paisaxe 'apadriñando' treitos de ríos, tratando de manter o seu estado natural ou recuperándoo. Outra charla trataba sobre a recuperación de bosques autóctonos no entorno do Porto, tamén tratando de involucrar activamente á cidadanía. En fin, temas interesantísimos. Entre os poñentes, atopábase o mesmo Padre António Fontes, pioneiro na investigación e difusión do coñecemento e cultura local.

Isa durante a súa intervención
O encontro tamén nos permitiu coñecer os proxectos que están a levar a cabo no núcleo de Porto (núcleo equivale alí as nosas sedes, os grupos de Coruña, Santiago... etc.), que son moi interesantes e moi diversos. Sen dúbida, temos boa relación e esperamos poder recibir unha boa comitiva deles na nosa próxima xuntanza (mensaxe subliminal).

A nosa charla saiu bastante ben, a pesar de que o día anterios parecíanos que se ía acabar o mundo. Nós decidimos falar sobre tecnoloxías apropiadas, que é do que máis sabíamos e así quedábamos ben. Como soamente íamos falar 15 minutos, ía parecer que éramos uns cracks. Ao final, coa xente que falou no encontro, debimos parecer calquer cousa menos uns cracks. Pero bueno, a xente aplaudiu, que é o importante. E Roberto parecía importante e todo, como se ve na foto.

Ao acabar, tivemos a oportunidade de facer unha pequena visita guiada polos xardíns da Fundaçao Serralves. Habendo aprendido moitas cousas, na compañía de xente tan amable como os nosos colegas do Porto, impregnados da maxia desa cidade, regresamos no comboio rumbo de Vigo moi cansos pero moi satisfeitos. Esta charla foi toda unha experiencia na que eu aprendín moito, e que espero que se poida repetir moito. Espero tamén que os nosos colegas portugueses, que tan ben nos trataron, lean este post, e não tenhan problemas en percever o galego, que é cuase igual á súa lingua portuguesa!



No hay comentarios: